DOUS POEMAS 36 ANIVERSARIO Despídome da nena que fun e xa non chora axeonllada no templo occipital. Bato palmas no lume. Voume danzar á sombra radical da miña osamenta adulta. Es libre agora un paxaro bebe nas augas tépedas do teu encéfalo un peixe novo nace na túa musculatura e por fin declárase a poesía como un amor anfibio ...Pero agora Ah, pero agora escoito con toda nitidez aos 36 anos a música da resina aquílo que non oín na tuba do silencio mentres nazo a harmonía profunda das partículas biliares a sangue que bombea o ceo ao abdome dunha salamanca o delicadísimo encaixe do xeo da voz que amo e se derrama sobre o meu sino. Sobrevivín e sobrevivo porque vexo a beleza e vai conmigo Sobrevivín e sobrevivo porque a beleza me ve e vou contigo. SALVAXE MENTE Será que naceu para que a devore o ar e entre en transo cando se che acerca abancando o seu ciclón de arterias e é toda ela a filosofía espasmódica da dozura rendida salvaxe mente. Será que xa morreron dez homes e Borneo e un tigre en Sumatra expira e o espazo absorbe a asma da alma que te mira Será que as súas terminación nerviosas son furias con lazos de cobre que atan á total entrega e vai a cegas ao abismo por ver quizais se talvez hai unha rosa ao fondo e a pode cortar e darcha. E despois marcha en carne viva por carreiros que xa cerraron as silvas haí séculos que pouco lle importa que as espiñas a piquen como unha saeta a gorxa que se derrete e se desangra sen se dar conta sequera enriba dun altar de Pérgamo como unha taquicardia indefensa ante o seu propio ritmo. Será que busca o mimo da luz que nunca tuvo e as placas tectónicas das palmas das túas maus se se lle aproximan fana tremer e caer desde o subsolo ao ar Será que naceu para que a devore e non quede nada dela agás o pico da bubela que come o corazón do figo e digo que existiu con tal tenrura que quedou durmida entre os calcetíns da cesta da túa roupa e tres pinzas e a curva do Universo e digo tamén que pode respirar co osíxeno que a ti che sobre que vai ao alén bicar as maus da túa mai morta e que che fabrica os suspiros cunha flor de fariña infinita que quedou o seu riso coma un fume flotando entre chemineas modernistas que todo aquel que o ve ascende de si mesmo ao nó da combustión eterna. Será que ela é ela entre brasas e neve con furacáns formigas e o sexo sinfónico dos eixos da terra. Será que ela é ela. Kalandraka Editora 2020 TAMBO Olga NOvo no Mercado da Magdalena na Semana de Poesía Salvaxe, Ferrol Olga Novo con Karlotti, no Bar Cazadores, Ferrol durante a Semana de Poesía Salvaxe |