O
silencio co que son recibidos hoxe os grandes poemas que continúan
escribíndose, é un silencio infinitamente elocuente do tempo que nos tocou
vivir. O tempo da agonía da linguaxe e da súa substitución polo inmenso ruído
da publicidade e do baleiro. A linguaxe, hoxe en día, xa non aspira a nomear o
mundo senón simplemente a esconder os sentimentos detrás do baleiro das
palabras; a linguaxe temos que entendela hoxe polo que non di, é dicir, polo
silencio do que non se atreve a nomear. O home do tempo actual tirou a palabra
ao lixo e coa auga sucia tirou tamén ao neno que leva dentro. Non sabe que a
palabra é o ser humano mesmo e que a palabra e a vida son o mesmo. Cando a
palabra é desprezada, cando nomear é inútil a vida perde todo o seu sentido e o
ruído, o intenso ruído, o inmenso ruído ocupa os corazóns igual que os
estorniños ocupan as copas dos magnolios. Con este ruído non se pode respirar,
non se pode pensar, non se pode falar e, en definitiva, non se pode vivir. Os
homes do ruído gobernan o mundo, cando falan non din nada e a súa música é unha
cacerolada permanente que entoa unha melodía macabra, a súa danza é a da morte
e a súa gargallada infernal fai tremer aos elefantes de Botswana.
<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<< <<<<<<
<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<<< <<<<<<<<<<
Nestes tempos onde ata a escuridade escintila como un vodevil e a soidade abatida é saqueada polos construtores de muros infames, onde toda emoción é un peixe transxénico nos escaparates-acuario. A poesía, a puta poesía, a que non se dobrega; e espantados os poetas, os poetas que fan da poesía unha melopea estúpida baixo a cal percorren o camiño máis curto cara un estúpido encomio, esa poesía liberada das gadoupas dos mal chamados ‘poetas’, meros xunta-palabras, pintores de brocha gorda das sórdidas fachadas do espolio e do crime, do poder dos imbéciles, dos insaciables banqueiros, de todos que astutos e ignorantes fan da falta de escrúpulos unha relixión, da corrupción unha cultura, da masacre unha filosofía da morte, unha mordaza do medo, e da miseria a máis rendible das materias primas, pois ben, esa poesía voada na boca de todos os homes, pensa o mundo no corazón dos homes, sen pedir permiso a deus, celebra o milagre de cada día, o crepúsculo e a alba e o silencio magnífico de estarmos vivos, igual do que as estrelas. as nosas ideas non chegan onde non queren chegar para aí pór unha pedra elas espatifam-se contra os osos do crânio e traen á boca sangue tirado ao corazón: non é así, amor? [p. 12] |